Imaxe da planimetría do proxecto director da Casa Grande de Cimadevila. Sección polo curro ao sur.
Ao entrar no patio da Casa Grande de Cima de Vila dende o exterior, percíbese con claridade a presenza do edificio e outras pequenas arquitecturas, compartindo unhas e outras os seus adros e, sobre todo, a “chamada” do corredor. Todo este conxunto adáptase á topografía arquitectónica do curro: un “patio-belvedere”. Ao final destes tres niveis abertos enmárcase a “bela vista” do occidente oteriano que fai intuír o val do Barbantiño e, máis aló, o val do Avia.
A cuberta e aleiro do corredor que descargan nos piares de madeira do sistema de varanda, e o miradoiro pechado, tradicionalmente pintado de verde, forman un conxunto deseñado co “afecto patrio” e a artisticidade de Castelao, sendo hoxe peza identitaria inseparable do imaxinario colectivo. Unha unidade moi intencionada nas obras feitas por D. Ramón, e antes pola súa nai, para a captura dun máis aló dunha simple casa de labranza (casa do caseiro).
Foi este un espazo para ser vivido primeiro por xentes de condición humilde, que agardarían nel para consultarse cós distintos profesionais da tradición familiar, e logo por D. Ramón e os seus afectos patrios. Atopamos estas imaxes tanto nas obras de ficción (Os camiños da vida) como nas principais obras autobiográficas asinadas polo escritor:
“Do meu balcón de pau dibuxado por Castelao e posto no canto de aquil outro onde as pitas rubían aos hombreiros de Vicente Risco para picarlle as gafas como si foran figos, miro a serra de Avión”
(Otero Pedrayo 1934, citado por Arias Chachero, Patricia; Prada Rodríguez, Julio. Informe Histórico-Cultural do Proxecto Director)
Texto e Imaxes das dúas primeiras imaxes, Fundación Penzol. facilitadas por D. Alfonso V.Monxardín e da terceira imaxe do Proxecto Director da Casa Grande de Cimadevila.
A dereita debuxo feito por D. Ramón Otero Pedrayo onde se esquematiza a escaleira e o limiar da entrada , no centro debuxo de Castelao, no cal se pode ler:
“Por si o balcón ten unha esquina. A forma a) non está mal; pero gustame máis a b), no Museo de Pontevedra encontramos este problema e pola miña indicación resolveuse facéndolle un faldón pequeno ó tellado”.
A dereita detalles do decorado do corredor.
Todo este conxunto, ao longo da totalidade do patio aberto ás terras da serra de Avión, está artística e sutilmente pechado cun mirador, a modo de galería, feito para os tempos ledos do afecto literario e artístico e para a amizade e respecto compartidos entre Castelao, Francisco del Riego, Vicente Risco, Xaquín Lorenzo, Noriega e outros moitos con Pedrayo e a súa familia: uns espazos para acougar as ideas de todos eles.
Nos tres niveis da arquitectura aberta do conxunto no exterior, e no cadro de Castelao “O souto dos gatos” conxuntamente co Mapa de Fontán no interior, pairan maxestaticamente as almas de Castelao e Don Ramón.
Imaxe da planimetría do proxecto director da Casa Grande de Cimadevila. Sección polo curro ao norte.