A Fundación Otero Pedrayo é unha fundación cultural de dereito civil que ten como obxectivo manter viva a memoria e a promoción da obra do “Patriarca das Letras Galegas”, Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976), a través da custodia da súa Casa Museo de Trasalba, no concello de Amoeiro (Ourense).
O primeiro presidente da institución foi o médico Agustín Sixto Seco, quen xa presidira con anterioridade a Fundación Rosalía de Castro. En 2004 sucedeuno no cargo Víctor F. Freixanes, a quen sucedeu en 2017 Juan Luís Saco Cid. Desde 2021 preside a fundación Xosé Eduardo López Pereira
Ramón Otero Pedrayo, un dos intelectuais galeguistas máis sobranceiros da xeración das primeiras décadas do século XX (Alfonso R. Castelao, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Antón Losada Diéguez), autor dunha obra variada e ambiciosa (narrativa, ensaio, poesía, teatro), deixou unha manda no seu testamento pola cal legaba a súa obra e propiedades, incluida a Casa Grande de Trasalba, á cultura galega e a Galicia, representada a tal efecto pola Editorial Galaxia (1950), da que foi primeiro presidente do seu Consello de Administración..
Como fórmula xurídico-administrativa, para atender os seus desexos decidiuse crear unha fundación que foi recoñecida por orde ministerial do 19 de xullo de 1979. Máis tarde foi tamén recoñecida pola Xunta de Galicia como Fundación de interese galego.
En cumprimendo dos seus obxectivos, a Fundación promove unha Asociación de Amigos de Otero Pedrayo e realiza unha serie de actividades arredor dunha festa anual que se celebra o último domingo do mes de xuño, na que se entrega o Premio Trasalba a unha persoa sobranceira da cultura galega. Nesa mesma data preséntanse as edicións do Padroado e do Instituto de Estudos Oteriáns, publicacións orientadas ao coñecemento e difusión da obra de Otero Pedrayo e, por extensión, o espírito galeguista da chamada Xeración Nós.