O souto

O castiñeiro é unha das árbores máis emblemáticas de Galicia. Malia que autóctona, os romanos estenderon o seu uso coma árbore para o alimento animal, afianzándose con maior forza no Noroeste do que xa era tradicional. A partir de época moderna, estas árbores foron unha importantísima fonte de alimento no rural galego, como amosan denominacións do tipo “árbore do pan”. Ademais, proporcionaban madeira para moblería, cestería, leña para quentarse… A madeira nobre dos castiñeiros, habitual para usos de carpintería mobiliaria, foi moi utilizada no Ribeiro para facer estacas de soporte e condución das cepas de viña, pois resiste ben a intemperie.

Os castiñeiros que se enxertan con castes seleccionadas ao longo dos séculos, cultívanse formando conxuntos denominados Soutos Mansos. Este é o caso dos castiñeiros de Cima de Vila. Moi preto da aldea, subindo desde Santa Cruz de Arrabaldo, en cambio, está o lugar de Soutomanco, que posiblemente faga referencia a que parte del cambiou de dono e de uso, para se converter en terras de labor.

Otero Pedrayo e o souto

O souto é, sen dúbida, un dos ecosistemas que máis inspiraban a don Ramón, pola frondosidade e maxestade das árbores, pero tamén por ser un dos elementos profundamente autóctonos da paisaxe. 

Nun dos artigos de Parladoiro (9-7-1948), unha sección no xornal compostelán La Noche, o autor describe o souto de Trasalba: 
“Son trinta e dous castiñeiros. Vellos, con esa leda velleza das pólas en roda capaces de abranguer unha aldea e moitas xeracións…”
No mesmo artigo refírese con máis vagar a tres grandes castiñeiros:
“Dos tres irmáns da Fonte Vella, o do medio foi decotado polo carpinteiro de Vendas Novas, que dixo topalo fogueado no cerne. Gran mentira de caralavada, pois endexamais foi traballada tan limpa madeira, san como mazá camoesa!”
O noso escritor expresou a vontade de que cando el faltase, parte do souto quedase para uso e goce dos veciños de Trasalba, xesto que denota o seu espírito amable e desprendido.

O souto na obra de Castelao

Castelao tamén foi admirador desta árbore senlleira. Plasmouna nalgunhas das súas obras pictóricas, entre elas, nas tituladas “O castiñeiro do Val”, “O Cachoupo” ou “O souto dos gatos”, unha enigmática acuarela propiedade hoxe da Fundación Otero Pedrayo.

Proxecto de replantación

Durante os anos 2023 e 2024 replantáronse os soutos de Trasalba, xa que moitas das árbores estaban mortas ou moi afectadas por patoloxías típicas dos castiñeiros (o cancro, a tinta e o cinípedo) que, xunto coa tala masiva e a entrada de especies foráneas, motivou a progresiva desaparición da maior parte dos soutos tradicionais. Para estas novas plantacións empregáronse castiñeiros híbridos superiores, de maior resistencia. A empresa Hifas Foresta realizou estas plantacións mediante un proxecto reitor promovido pola Fundación Ramón Otero Pedrayo, coordinado polo arquitecto D. Iago Seara e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Accede a toda a información sobre a Fundación Otero Pedrayo entrando na nosa web
www.fundacionoteropedrayo.org

Puntos de acceso
a través dos códigos QR