Os xardíns de enfeito e a solaina

A expresión “xardín de enfeito” fai referencia aos numerosos elementos vexetais de carácter ornamental distribuídos na contorna da Casa Grande de Trasalba, e amosan a transformación da contorna dunha habitación orientada á economía agrícola cara un terreo onde comezan a convivir, en pequeno, elementos decorativos máis propios da paisaxe dos pazos.

A Casa amosa unha combinación única de agricultura e ornamentalidade a través do vencello entre xardín e vides.

Os paseos, as fontes de pedra comunicadas cos seus regos, as sobreiras e xardineiras son as estruturas que entre as viñas, conforman o xardín de enfeito da parte dianteira da Casa Grande. Por contra, na parte traseira, desenvolveuse un pequeno xardín puramente ornamental, no que os eixos centrais eran o “Irmanciño” e a fonte, rodeados por camiños xeométricos de buxos, entre roseiras e camelias, a modo de pequeno xardín francés, propio dos pazos de finais do século XIX.

A Solaina

Un dos elementos arquitectónicos máis destacados da Casa Grande de Trasalba é a súa solaina. Dotada dun significativo barandal de pedra, foi un espazo importante de entrada de visitas, pero tamén un espazo íntimo no mundo de Otero. Alí, a dicir das súas verbas, foi onde interiorizou as importantes lecturas de Chateaubriand, un autor que o acompañou durante toda a súa vida:

“Nos amamos a Chateaubriand. Foi o primeiro autor lido por nós de nenos e mozos na solaina de pedras orceladas de Trasalba”.

Na sección “Parladoiro” do xornal compostelán La Noche, o escritor publicaba un texto nomeado “Dende a solaina”, no que combina de xeito maxistral a análise da paisaxe humana e natural:

“Dende a solaina vese un grande anaco do chan galego: horizonte aberto, equilibrado graduado en desenvolvementos suxestivos dos mais variados temas da paisaxe. Os ollos buscan a, ergueita serenidade dos cumes”.

Proxecto de replantación

Entre 2023 e 2024 replantáronse todos os elementos dos xardíns de enfeito que ocuparon esta área, imitando as sebes de buxo no lugar aproximado que deberon ocupar orixinariamente, mediante un proxecto reitor promovido pola Fundación D. Ramón Otero Pedrayo, coordinado polo arquitecto Iago Seara e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Accede a toda a información sobre a Fundación Otero Pedrayo entrando na nosa web
www.fundacionoteropedrayo.org

Puntos de acceso
a través dos códigos QR