Ramón Otero Pedrayo naceu o 5 de marzo de 1888 no segundo andar do inmoble que actualmente ocupa o número 25 da ourensá rúa da Paz. Esta céntrica rúa, chamada até 1839 dos Zapateiros polos moitos que nela se estableceran, era a finais do século XIX, unha vía burguesa e comercial, onde fidalgos e artesáns residían en tranquila convivencia.
O 5 de marzo celébrase a festividade de santo Adrián. O dato é relevante pois este será o nome elixido polo escritor para nomear a moitos dos personaxes autobiográficos que deseñe. En Escrito na néboa (1927) encontramos a Adrián Solobio, en Os camiños da vida (1928) a Adrián Soutelo, nas páxinas de Arredor de si (1930) a Adrián Solovio e a Adrián Silva en La vocación de Adrián Silva (1950). Silva e Soutelo cadran, como veremos, cos apelidos dos avós do autor. Todos estes seres de ficción comparten ademais do S inicial do apelido, o feito de agochar unha firme e teimuda vontade autobiográfica. O de Trasalba deixará recordo de si mesmo, da súa familia ou das persoas que coñeceu en moitos dos seus textos.
Ramón Otero Pedrayo foi o único fillo de Eladia Pedrayo Ansoar e Enrique Otero Sotelo, que levaban casados cinco anos cando naceu o seu primoxénito. O pai era un home culto e liberal, coñecido na cidade polo exercicio da súa profesión, a medicina, e por se ter posicionado publicamente sendo deputado provincial, a favor do poeta Manuel Curros Enríquez fronte a empencha do bispo Cesáreo cando a publicación de Aires da miña terra.
Eladia, a nai, era unha das fillas do prestixioso avogado ourensán Ramón Mª Pedrayo Silva, alcalde da cidade en 1860, con bufete no número 17 da rúa Maior e propietario do edificio da rúa da Paz. Precisamente en honra do avó materno, padriño do neno, impóñenlle ao escritor o nome de Ramón. Na partida de bautismo, asinada o 6 de marzo na igrexa de Santa María a Real do Norte, ao lado de Ramón atopamos os nomes de Antonio e Vicente.
Antonia era a avoa materna do neno, de nome completo Antonia Ansoar Rañoy, xa falecida cando este naceu e do avó paterno, Antonio Otero Rodríguez, natural de Lugo pero afincado na aldea de Trasalba. Don Antonio, que tamén estaba morto en 1888, casara con Vicenta Sotelo Puga, coa que se completa a explicación do nome composto do escritor.
O pequeno Ramón, escoitará da boca desta avoa de Trasalba, coñecida familiarmente como mamá Tenta, unha chea de historias en lingua galega. Contos de pazos e fidalgos, de monxes exclaustrados, de vellos personaxes populares da aldea; anécdotas de veciños e antepasados que andando o tempo, recreará sen apenas modificar, na súa obra literaria. Vicenta Sotelo, que nunca quixo abandonar a casa aldeá, está enterrada nunha arca de pedra acaroada ao muro da igrexa parroquial de Trasalba.
Nace pois o escritor no seo dunha familia culta e adiñeirada, nunha das rúas burguesas e comerciais do centro neurálxico da pequena cidade. Criado entre Ourense e Trasalba, arrodeado de mimos e todo tipo de coidados converterase desde moi neno nun bo estudante, decantándose cedo polas letras e a xeografía.
No mes de setembro de 1898, con 10 anos, ingresa no instituto. Faino no Centro Provincial de Instrucción, hoxe Instituto Otero Pedrayo, inaugurado en 1896 nas inmediacións do xardín do Posío. De contado segue con entusiasmo e verdadeira dedicación as explicacións de Retórica e Poética do director do centro, o astorgano Marcelo Macías, de Eduardo Moreno López a quen nunca esquecerá e de quen dirá ter herdado os alicerces do seu amor pola Xeografía ou de Salvador Padilla, catedrático de Castelán e Latín.
Os bos resultados académicos obtidos nestes anos explican que a comezos do mes de xuño de 1901, o mozo Ramón Otero Pedrayo resulte elixido xunto a Florentino López Cuevillas, compañeiro de estudos, amigo nos xogos, veciño e máis tarde irmán de angueiras políticas e culturais, para compartir unha merenda con Emilia Pardo Bazán. A escritora, mantedora dos Xogos Florais da cidade, recibe os dous representantes dos estudantes ourensáns, de 13 e 15 anos respectivamente, coidadosamente peiteados e vestidos con impecables traxes mariñeiros azuis, no edificio do Concello.
O 28 de maio de 1904, cando está a piques de rematar os seis cursos de instituto, falece o seu pai. O pasamento de Enrique Otero, que levaba meses enfermo, marcará un punto de inflexión na vida de Eladia, Vicenta e Ramón. O mozo convértese subitamente no home da familia e apenas dous meses despois do enterro recolle, vestido de rigoroso loito, o premio extraordinario na sección de Letras que lle conceden no instituto.
Eladia, viúva prematura, faise cargo con 45 anos, da economía familiar. Ao pouco tempo, goberna con acerto e determinación as rendas, a casa e as terras de Trasalba. Ademais e tal e como farán na ficción literaria, a dona Ramoniña dos Camiños da vida ou a dona María de Arredor de si, preocúpase polo futuro inmediato do morgado. No mes de setembro de 1905, tras ter superado con éxito e por libre as tres materias do Curso de Ampliación de Filosofía e Letras, Ramón Otero Pedrayo que pensara en estudar medicina e desistira seguindo os consellos do seu pai trasládase á capital madrileña para iniciar os estudos universitarios. Matriculado en Dereito por expreso desexo da nai que quería ver ao fillo seguindo os pasos do avó, logra o mozo compaxinar estes estudos cos de Filosofía e Letras que son os que verdadeiramente lle interesan.
Tres textos asinados polo propio Ramón Otero Pedrayo describen con coidado esta primeira etapa da súa vida: A historia de un neno (Patronato R. Otero Pedrayo, 1979) e os artigos “Lembranzas do meu vivir”, (Revista Grial, 52, 1976) e “Desvelamento de Santiago”, (Revista Grial, 19, 1968).