Ramón Otero Pedrayo é sen lugar a dúbidas, unha das principais figuras do nacionalismo galego do primeiro terzo do século XX. Pese a ter pertencido desde o comezo ao grupo de mozos ourensáns que logo se habían converter nos piares da chamada xeración Nós, a súa incorporación plena ao nacionalismo foi lenta e serodia. Durante moitos anos, o ourensán vivirá preocupado pola súa formación persoal e en xeral, despreocupado e pouco activo no tocante a política.

Antón Losada, 1929.
Antón Losada, 1929.

Acostuma sinalarse como primeira actividade política do escritor a visita que realiza o 15 de decembro de 1917 acompañando a Vicente Risco, Arturo Noguerol e Antón Losada Diéguez á estación de Monforte para saudar ao político nacionalista catalán, Francesc Cambó, que acababa de chegar a Galicia. O propio Otero Pedrayo deixou dito que ingresou no galeguismo por influencia do profesor Antón Losada Diéguez.

A este respecto, cómpre sinalar que o de Trasalba non figura entre os asinantes da I Asemblea Nacionalista convocada polas Irmandades da Fala e celebrada en Lugo, o 18 de novembro de 1918 e que ao ano seguinte tampouco está presente en Compostela mentres ten lugar a II Asamblea, inda que nesta ocasión se adhira desde Santander. Sábese non obstante, que en 1918, participou na campaña electoral a prol da candidatura rexionalista de Lois Porteiro Garea, membro das Irmandades de Compostela. Froito dese apoio asinará o artigo “Acción Regionalista” no xornal ourensán La Región o 13 de xaneiro de 1918.

A derrota electoral non desalentou aos nacionalistas galegos. Otero Pedrayo, Vicente Risco e Noguerol viaxan en abril 1921 a Vigo para participar na asemblea anual das Irmandades. A partir de entón, a actividade dos membros da xeración Nós vólvese intensa e continua. Ademais da revista, Risco, Otero, Castelao e Cuevillas, desenvolverán un inxente labor desde todas as frontes a prol da nosa cultura. Traballan con entusiasmo en ensaios, estudos etnográficos, artigos políticos, obras narrativas ao tempo que participan en todo canto acto beneficie aos intereses galegos.

Arredor de si, facsimilEn 1928 a editorial Nós edita Os camiños da vida, a primeira gran novela do escritor chamada a converterse nunha das obras fundamentais da literatura galega contemporánea. A obra retrata a vida de dúas familias veciñas, os Doncos e os Puga, representantes do cambio social que trouxo consigo o ascenso da burguesía e a caída da vella fidalguía galega. Dous anos despois a mesma editorial imprenta Arredor de si, peza clave para achegarse á xeración literaria de Otero e para comprender a maneira de ver e entender o mundo do escritor. Trátase dunha novela de aprendizaxe que describe a transformación de Adrián Solovio, o protagonista, desde o individualismo ao compromiso co ideario galeguista. Vicente Risco cualificaraa como o retrato xeracional do grupo.

Na década dos anos 30 consolidase a fama de home culto e polígrafo do escritor. A súa figura cobra peso na sociedade galega a través das intervencións públicas e dos innumerables artigos que asinou nas páxinas de Nós, El Pueblo Gallego, Céltiga, A Nosa Terra e en xeral en canta publicación llo pedía.

Neste clima de enfebrecida actividade, a inminente chegada da República fai que algúns galegos, Otero entre eles, vexan a posibilidade de acadar a autonomía de Galicia. Iníciase entón un período de entusiasmo e traballo intenso para o escritor. En 1930 percorre a provincia de Ourense dando mitins de carácter nacionalista e anticaciquil. En abril do ano seguinte fúndase o Partido Nazonalista Repubricán d´Ourense coa vontade de concorrer as inminentes eleccións ás Cortes constituíntes.

O PNRO, presidido por Ramón Otero Pedrayo que se presenta como candidato ás Cortes Constituíntes, defendía a autonomía de Galicia, a cooficialidade das linguas galega e castelán e unha reforma que permitise a transferencia dos servizos públicos estatais a Galicia. Otero acada a acta de deputado pola súa provincia e xunto a Castelao e Ramón Suárez Picallo, defenderá no Parlamento de Madrid un modelo federal.

Fundación do Partido Galeguista
Fundación do Partido Galeguista

En decembro de 1931 participa en Pontevedra na fundación do Partido Galeguista de cuxo primeiro Consello Executivo formará parte. Ante a inminente consideración da República como estado laico Otero, conservador e católico, tenta que o nacionalismo galego conserve o maior grao posible de confesionalidade nas institucións. O 25 de outubro de 1931 o seu nome e o dun destacado grupo de nacionalistas aparece asinando un documento moi difundido na prensa do momento que levará por título Afirmación católica dun grupo de nacionalistas, o escritor decántase publicamente con respecto á confesionalidade do Estado.

Recebimento de galeguistas em Barcelona
Recibimento de Pere Comas, en nome da Generalitat de Catalunya, aos deputados galegos Castelao e Ramón Otero Pedrayo o 20 de xullo de 1931. Fotografía tomada na parada do Paseo de Gracia.

Pese a disentir das propostas do PG no tocante ao laicismo do estado, Otero acatou as decisións da maioría e non abandonou o partido. Participou activa e lealmente na campaña do plebiscito do Estatuto e compartiu a alegría do triúnfo acadado o 28 de xuño de 1936. Tras o levantamento militar do 18 de xullo, chegarían días aciagos para o escritor e os seus compañeiros. Ramón Otero Pedrayo debe enfrontarse ao asasinato e exilio de moitos dos seus camaradas e comproba en carne propia como o seu conservadorismo e a defensa pública da relixión católica, non van ser suficientes para evitar a incoación dun expediente de responsabilidades políticas que rematará coa separación da cátedra do instituto ourensán.

Banquete galeguista a Emilia Docet e a Manuel Luís Acuña no hotel Miño de Ourense en 1933. De pé, de esquerda a dereita: Vicente Risco, un reloxeiro d´El Cronómetro, Ramiro Illa Couto, Leuter González Salgado, Ánxeles Otero, Álvaro Cunqueiro, Emilia Docet, Manuel Luís Acuña, Ramón Otero Pedrayo, Mari Luz Morales, Ricardo Fernández Morales, María Josefa Bustamante, Eduardo Blanco Amor e Xoán Luís Ramos Colemán. Sentados, de esquerda a dereita: Miguel Valencia, J. Villagarcía, Roberto Vázquez-Monxardín, Elina Carballo, Esther Peña Bouzas, Alberto Vázquez-Monxardín, Manuel Peña Rei, Emilia Blanco Maneiro, Xosé Goyanes e Daniel Piñeiro.