Horto de froiteiras

Por regra xeral, en calquera casa rural, a cantidade de froiteiras da horta era ampla pois así se garantía que houbese froita na casa nas diferentes épocas do ano.

  • Os pumares, a maceira e a sidra.
  • As moreiras
  • A tileira
  • As laranxeiras e cítricos

Os pomares, a maceira e a sidra

Entre as froiteiras da Fundación Otero Pedrayo destaca a gran variedade de maceiras (en Galicia existen máis de duascentas), abondosas na zona do Ribeiro, o que se debe en boa medida á importancia que antano tivo o cultivo desta froita tanto para o alimento humano e animal coma en particular para a produción de sidra, da que consta que o Noroeste era bo produtor desde época prerromana. A introdución da vide en época romana, e en particular, o seu desenvolvemento comercial medieval foi reducindo a produción sidraria e a concentrala no norte peninsular.

As moreiras

Sobre as moreiras, Otero deixou a súa opinión ben fundada en “A árbore dos paxaros de ouro” artigo publicado en El Pueblo Gallego o 2 de outubro de 1927:

“Noutro tempo, as plantacións de moreiras foron unha das arelas dos que pensaban na redención do agro. Economistas de perruca e encaixes do daravite, fidalgos e abades ilustrados, afastábanse un instante de etiquetas, pergameos e teoloxías para cavilar na felicidade dos labregos”.

Efectivamente, a sericultura tivo certa importancia na provincia de Ourense, aínda que o seu uso nunca chegou a competir coa masiva produción de liño, xeral en Galicia. Sabemos que Don Ramón tíñalle moito aprecio a moreira que aínda se atopa na horta do Pazo de Trasalba. Non existen moitas moreiras vellas en Galicia e ningunha coa historia da vella árbore de don Ramón, que lle tiña especial aprecio a esta especie que probablemente sexa descendente das antigas variedades que se plantaban para apoiar o cultivo de seda e o aproveitamento dos seus deliciosos froitos.

A tileira

A grande árbore que preside o curro da casa é un fermoso e antigo tileiro plantado polo pai de Pedrayo, o doutor Enrique Otero Sotelo, quen, como conta Otero, adoitaba pasar consulta de balde á veciñanza da contorna, que esperaba tanto onda a sombra da tileira coma na galería do pazo á espera de ser recibidos por Don Enrique, prototipo do médico culto, liberal e filántropo do século XIX.

Otero Pedrayo escribiu:

“O señor da casa gustaba de xuntar os veciños naquela hora baixo a vella tileira que el tiña cantado cando estudante de Medicina comezaba a zona de entrambas lumieiras”.

As laranxeiras e cítricos

A chegada de cítricos de Asia supuxo un incremento da diversidade no subministro de froita na estación invernal que ata daquela adoecía de escaseza de árbores autóctonas que producisen nese periodo. Os cítricos, provenientes de China, foron unha importante achega (como máis adiante sería o kiwi) e na Casa Grande plantáronse varias laranxeiras, das que hoxe só conservamos tres fermosos exemplares. O escritor contaba que a laranxeira máis próxima á xanela sur da sala fora plantada cando naceu seu pai, o doutor Enrique Otero Sotelo, o que dota de maior valor histórico ao conxunto destas árbores.

Accede a toda a información sobre a Fundación Otero Pedrayo entrando na nosa web
www.fundacionoteropedrayo.org

Puntos de acceso
a través dos códigos QR