O irmanciño (araucaria)

Se hai unha árbore icónica en Trasalba, esta é, sen dúbida, a vella araucaria, cuxo destino Don Ramón considerouno sempre encetado á súa vida. Foi o pai de Otero, precisamente, quen plantou esta árbore en 1888 para conmemorar o nacemento do que sería o seu único fillo. Don Ramón sempre sentiu un especial vencello con esa árbore, coma un irmán nacido ao mesmo tempo. En febreiro do ano 1972, un temporal derrubouna sobre a casa. Otero sentiuno fondamente e considerou aquel feito unha especie de presaxio. Algúns amigos de don Ramón, que estaba moi consternado, conservaron a súa madeira, coa intención de empregala, en parte, para construír o cadaleito do escritor, seguindo a vontade que el mesmo expresara.

En Devalar (1935) Ramón Otero Pedrayo describe o seu medre e mesmo a súa entrada na casa, coma un membro máis da familia:

“A vella baixa polo xardín. Mira para araucaria. Era ben pequeniña cando foi plantada. Agora a soma piramidal pasea amodiño todo xardín, ponse de peitos na solaina, ata mete un pico de soma na sala”.

Proxecto de replantación

En 2024 volveuse plantar unha nova araucaria (Araucaria heterophilla) no lugar aproximado onde medrara o “irmanciño” oteriano. Fíxose dentro do proxecto reitor promovido pola Fundación Ramón Otero Pedrayo, coordinado polo arquitecto Iago Seara e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Accede a toda a información sobre a Fundación Otero Pedrayo entrando na nosa web
www.fundacionoteropedrayo.org

Puntos de acceso
a través dos códigos QR