A Vide

A historia das vides e o viñedos na terra do Ribeiro e o seu vencello coa Casa Grande de Trasalba é un leit motiv recorrente nos textos oterianos:

“Comeza nas viñas rubideiras das costas, as fondas terras de rega, os pobos privados de cabaceiros mais inzados de bodegas e lagares” (“Camiños nas paisaxes”, Céltiga 1920)

“As bodegas adoitan variedade de disposicións. Hainas illadas e afastadas da casa, na viña ou preto dela, formando como no lugar do Quintairo, un pobo sen veciños” (1928).

Eladio Rodriguez e a viña

A economía da comarca tiña no cultivo da vide un motor fundamental, coma en todo o Ribeiro, que se estendía tamén á outras actividades especializadas, ente outras, a da limpeza do sarrio de cubas e bocois. En palabras de Eladio Rodríguez:

“O sarrio constitúe un negocio antigo ao que se dedicaban hai anos dúas compañías de homes da parroquia de Trasalba, que van as terras de viño de Castela, Navarra e Aragón, e as veces ás comarcas da beiramar de Pontevedra, para dedicarse a arrincar o sarrio das cubas, na época comprendida entre a venda do viño e a nova vendima”.

A adega

A Casa Grande conserva aínda a súa zona de adega, na que se manteñen os vellos bocois que limpaban os sarrieiros de Trasalba e onde, sen dúbida, se elaborou un moi digno viño do Ribeiro. Este espazo hoxe está convertido no gran salón de actos da Casa Grande de Don Ramón, espazo fundamental dos eventos públicos da Fundación Otero Pedrayo.

Accede a toda a información sobre a Fundación Otero Pedrayo entrando na nosa web
www.fundacionoteropedrayo.org

Puntos de acceso
a través dos códigos QR