Contexto

Un traslado administrativo forzoso mantivo a Castelao desterrado en Badaxoz. Durante a súa estadía en Estremadura escribiu Verbas de chumbo, catorce artigos que verían a luz n´A Nosa Terra. O desterro rematou o 6 de setembro de 1935, grazas ás xestións de Manuel Portela Valladares, Ministro da Gobernación. Castelao e Bóveda, que estivera confinado en Cádiz, son repostos nos seus destinos en Pontevedra.

Transcrición

Sr. Dn. Ramón Otero Pedrayo

Meu querido irmán: Que a túa felicidade non teña remate, que non amingüe a tua ledicia, que non che falle o xamón e o viño e o café e o cigarro, que chegues san a vello vedreiro e deas ô mundo un fillo do teu talento cada ano, que chegues a ver a nosa Terra en paz i-en gracia de Deus, que chegues a ver ledo e satisfeito a Risco, e canso de vivir entregues a i-alma ôs anxeliños cando xa non teñas nada que facer no mundo. Todo eso desexo eu para ti por seres o home máis compreto que pareu a nosa Terra.

Xa vas no VII capiduo d´outra novela! Ben, Ramonciño, ben. ¡Quen poidera facer coma ti! Eu tamén ando c´un asunto âs voltas e cicais remate por escrebir unha novela onde un dos escearios sexa Badaxoz.

Risco escribeume, n´efeito, unha longa carta i-eu contesteille con outra máis longa ainda. Non sei se a remataría de ler. Risco, que é un santo, ten duas chatas: a de doerse porque non lle fan caso e a de botarse de adiviño. El ten razón e os demáis tamén a teñen. A min paréceme que as preocupacións do Risco proveñen do medo que lle dá o trunfo. O Risco non é arriscado. Eu, en troques, teño fé cega no galeguismo, que chegará a ser o que a Galiza lle conveña. Risco quer metelo nos railes do tren i-eu coido que debe ir por unha estrada ancha, unhas veces â esquerda e outras â dereita e sempre a bó paso. Eu presinto que a fuga esquerdista da maoría do galeguismo non ten consistencia para rexer a verdadeira realidade galega e que a tendencia dereitista tampouco remediará os nosos alifaces. Galiza é un país de centro, no social e no económico, e o galeguismo non poderá ser outra cousa. E no aspeuto moral ¿non é tamén de centro? O bandazo que dou car´a esquerda é debido a que unha terrible onda lle pegou no lado dereito e daría o bandazo car´a dereita se a onda viñese pol-a esquerda. ¿Pero é qué imos a ter sempre este temporal e non navegaremos algunha vez con estabilidade? Creo que o trunfo depende da nosa resistencia. Na carta que lle escribin a Risco dígolle, de seguro, moitas parvadas, pero creo que estou acertado no fondo.

Penso ir a Lisboa para ver a Teixeira, que fuxen do frio que bota o Marao.

Badaxoz fáiseme insoportable. O frío espantoso méteme no Café, onde me persiguen os republicáns para non deixarme traballar. O Hotel é triste e cheira a cascudas en vinagre. A Oficiña afógame. ¿Qué podo facer? Durmir, durmir e durmir.

Teño metido na cabeza que nos nosos traslados e nas persecucións que sofreu o galeguismo andan máis mans que as dos radicales. Creo que non voltaremos antramentras dure unha situación radical ou de dereitas ¿Liches a proposición de Ley que presentou Royo Vilanova? Eu saberei moi axiña o que hai do asunto, pois xa se iniciou unha manobra para lograr o meu traslado e do resultado que dean os primeiros pasos xa saberemos a intención que levan. Nin que decir ten que a costa da máis lene indinidade non sairei de Badaxoz.

O desterro pesa moito ¿sabes? A min pésame coma se fose un presidio, e preferiría estar na cadea a vivir solto n´esta cibdade aborrecible chea de burros godalleiros que fan ornear â xente. Xentes sen carácter, sen apetito, sen fé. Toman o sol en moreas e a xente semella unha enorme masa coral no descanso. Mellor aínda, un asilo de desamparados. Agora están derrubando un treito de muralla, para dar traballo, e ô redor dos traballadores póñense a mirar os orfeonistas, que sudan de ver traballar. Os traballadores están tan desafietos que ô m ovel-o corpo estálalle o espiñazo. Xa chegaron as primeiras cigoñas. Eiquí o frio tráino o “viento gallego”. Moitos borrachos e moitas nais que mandan as fillas a “facer comedor” nas casas de malvivir. ¡Qué asco! Unha terra de famentos luxuriosos asoballada por ricos godalleiros. Coido que o país máis despreciable de Hespaña é Estremadura.
Como antramentras non seipa o que facerán conmigo non me atrevo a levantar a casa nin a traer eiquí a miña muller, escribinlle a Virxinia para que se animase a ir a Ourense, pois sei que con Fita sería feliz.

As túas cartas recíboas coma se fose pan abenzoado.

Lembranzas ôs irmanciños. A ver se logras que o Risco non sexa tan intransixente e tan bruxo.

Un garimoso saúdo a Fita e as miñas lembranzas máis emozoadas para túa mai.

Apértache teu verdadeiro irmán.
Castelao
Badaxoz, 30-I-1935