Premios Trasalba

O premio Trasalba, que outorga a Fundación Otero Pedrayo, institúese no ano 1983 e celébrase no último domingo do mes xuño. Nun primeiro momento, a razón do premio era a vinculación, directa ou indirecta, coa figura e os ideais de don Ramón. Progresivamente foi evolucionando cara a un personaxe referente na nosa cultura galega. Salvo o premio concedido a Agustín Sixto Seco, fundador e primeiro presidente da Fundación, que tivo carácter de póstumo, sempre se concede a unha persoa en vida.

A proposta do premiado sae da Xunta de Goberno da Fundación, logo de consultar aos membros do Plenario e mesmo recibir iniciativas da sociedade civil. A Xunta de Goberno comunícallo ao Padroado para o seu apoio. O “acto literario” ten lugar no auditorio da Casa Grande de Cimadevila e consiste nunha homenaxe ao premiado ou premiada cunha laudatio e a presentación dunha fotobiografía do mesmo. Tamén se lle entrega unha praca e un cadro conmemorativo realizado para a ocasión por Isaac Díaz Pardo. Tras a intervención do homenaxeado, a festa remata cun xantar-romaría no souto da Casa.