ALUMNOS DO COLEXIO SANTIAGO APÓSTOL DE BUENOS AIRES VISITAN A CASA MUSEO DE RAMÓN OTERO PEDRAYO EN TRASALBA

Vinte estudantes de Buenos Aires coñeceron a Casa Grande

Trasalba2

Achegáronse en compañía dos seus profesores.

Os mozos, de entre 17 e 18 anos descenderon do autobús como tantos escolares galegos, mesmo á beira do vello souto que na posguerra viu agocharse ao fuxido Alonso Ríos disfrazado dun mendigo que se facía chamar Siñor Afranio. As centenarias árbores, que tanto quixo Ramón Otero Pedrayo, observan sorprendidas a primeira lección que reciben os visitantes, que alentados polo condutor, recollen castañas do chan e aprenden a comer o froito que ven por primeira vez.
Como verdadeiros Adriáns Solovio, o fato de mozas e mozos viaxan lonxe da súa casa na procura da súa historia e identidade pois inda que sexa a primeira viaxe que realizan a Galicia algúns deles decenden de homes e mulleres de Cea, de Ourense, de Chantada, de Becerreá, de Betanzos ou de Petelos.
Dentro da casa, Afonso Vázquez Monxardín, membro da Fundación Otero Pedrayo, faloulles apaixonadamente da galería de madeira que deseñou Castelao moitos anos antes de exiliarse e vivir na avenida Belgrano. Os rapaces asinten e escoitan interesados. En dous meses rematarán os estudos secundarios e saben ben de que se lles está a falar. Todos levan catro cursos estudando lingua, literatura, xeografía e historia de Galicia. Preguntan interesados e provocan a rápida simpatía daqueles que temos ocasión de presenciar a escena.
O grupo detense nun estante do comedor para observar un par de figuras de cerámica da Magdalena, a fábrica que -moito antes de Sargadelos- puxo a andar Isaac Díaz Pardo con Luís Seoane non moi lonxe da capital bonaerense. Algún dos mozos, afirma que na súa casa hai pezas da recoñecida cerámica galega. Os demais apúntanse de contado, tamén nas súas hai pezas de Sargadelos.
As de Trasalba, tróuxoas don Ramón no ano 47, cando convidado polo Centro Galego de Arxentina visitou América por vez primeira. Naquela ocasión, regaloulle aos galegos de alén mar un mapa de Fontán que hoxe colga nos corredores do Centro Galego, os rapaces coñecen a historia. Susi González Rodríguez, a guía da casa, explícalles a historia de Domingo Fontán e fálalles da contorna e das habitacións da Casa Museo mentres responde ás numerosas preguntas que xorden.
Luís González Tosar, a quen os alumnos do Colexio Santiago Apóstol, concederon o último Premio Rosa dos Ventos, prosegue a viaxe con eles até O Carballiño, onde comeron polbo e visitaron a Insua dos Poetas.

» Mais novas da Fundación