A Asociación Amigos de Otero Pedrayo, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o Premio de Oratoria en Formato Podcast “Ramón Otero Pedrayo”. Este certame ten como obxectivo incentivar a expresión correcta e as habilidades comunicativas mediante o cultivo da expresión oral e da oratoria, da que o escritor ourensán foi un mestre, utilizando técnicas actuais para a sociedade dixital.

O premio está destinado ao alumnado galego de entre 15 e 25 anos que cursen estudos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, graos universitarios ou mestrados. Os temas preferentes das pezas que se presenten ao premio serán o medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral e a tradición oral. Todos estes temas están relacionados co universo oteriano. O idioma das pezas debe ser o galego.

Este certame non só ten a finalidade de fomentar o uso da lingua galega entre a mocidade, senón tamén de redescubrir a figura de Otero Pedrayo, mestre na disciplina da oratoria.