Xaime Isla CoutoXaime Isla Couto naceu en Santiago de Compostela o 23 de outubro de 1915 aínda que de moi novo a familia se trasladou a Vigo. Avogado e economista.

Militou dende rapaz no galeguismo político, primeiro nas Irmandades da Fala, no Grupo Autonomista de Vigo, e despois na Federación de Mocidades Galeguistas durante a Segunda República. Colaborou co Seminario de Estudos Galegos, sendo o seu primeiro bolseiro na sección de estudos económicos.

Unha vez rematada a contenda militar, participaría dende a fundación como impulsor e dinamizador da Editorial Galaxia. Tamén estivo na constitución da editorial SEPT onde se favorecía a galeguización do pensamento católico. Dirixiu a Revista de Economía de Galicia (1958 – 1968) e a Revista Galega de Estudios Agrarios.

Participou na constitución da Fundación Penzol, foi fundador do Partido Popular Galego en xullo de 1976 e da Fundación Isla Couto, que impulsou en homenaxe ao seu irmán Ramiro. Ingresou na Real Academia Galega en 1999.

Recibiu diferentes recoñecementos como a medalla Castelao ou o nomeamento de Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.