O pintor Antón Pulido, Premio Trasalba 2015

Antón Pulido

A FOP valora a obra do artista de Amoeiro e o seu ( ler + ) vencello coa memoria histórica do Patriarca das Letras Galegas

A Fundación Otero Pedrayo, reunida a súa Xunta de Goberno, acordou designar ao pintor Antón Pulido (Bóveda, Amoeiro, 1944) Premio Trasalba na edición deste ano 2015, premio que, como xa é tradicional, se entregará no acto literario que se celebra na Casa Grande de Cimadevila o derradeiro domingo do próximo mes de xuño. O editor Bieito Ledo será o encargado de realizar a correspondente laudatio. O premio, que ten carácter honorífico, non retribuido economicamente, está representado por unha figura en bronce de Ramón Otero Pedrayo, obra do escultor Buciños.
Entre as numerosas propostas recibidas, a Fundación valorou a traxectoria artística do homenaxeado, a calidade e personalidade da súa obra como pintor e grabador, así como o seu vencello á figura de Ramón Otero Pedrayo, veciño das mesmas terras de Amoeiro. De feito, don Ramón foi quen apadriñou a segunda exposición do artista no Museo Arqueolóxico de Ourense, en 1972, onde xa expusera o ano anterior, da man de Xesús Ferro Couselo. Escribía daquela o señor de Trasalba:
“Pinta con aire surprendido de xuventude. (…) Coma o orballo, coma o sol nas pedras orceladas, coa gracia no ollar dos rapaces, loce nas pinturas de Pulido un feitizo de mañá de primavera (…). Para iste pintor non hai esforzo nin anguria no fixar das lerias e únicas fantasias das luces e das formas. Coidamos que niso repousa o seu feitizo esencial”.
Otero Pedrayo foi quen introducíu no mundo da arte aquel pintor novo que, con 28 anos, presentaba os seus primeiros cadros en Ourense. Na plenitude da madurez, cun cirrículo de premios e exposicións xa ben recoñecido, o artista de Amoeiro (Anton Pulido) recibe agora o máximo galardón que outorga a Fundación.
Proxección internacional dende as raíces
A súa abondosa produción figura en numerosas coleccións públicas e privadas. Licenciouse en Pintura e Gravado pola Facultade de Belas Artes de Sant Jorni (Barcelona). En 1987 participou nos Encontros de Antropoloxía e Diversidade Hispánica que se celebraron no Centro Superior de Investigacións Científicas de Barcelona, xunto con mestres tan sinalados como Antonio Saura, Luis García-Berlanga e César Manrique. Director de coleccións de arte de distintas editoriais, deseñador gráfico, cartelista, ilustrador de libros e publicacións periódicas, en 1993 foi director xeral de Cultura da Xunta de Galicia e, pouco despois, o primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
A súa obra presentouse en museos e galerias dentro e fóra de Galicia, entre outros: o Palau de la Virreina de Barcelona, a Galería de Arte Conde Duque e a Universidade Autónoma de Madrid, a Jia Art Gallery de Teipei (Taiwán), a Contemporany Art Fair de Beijing (China), a Shangay Art Fair 2008 (China), a Myoung Gallery e o KIAF/09 de Saul (Correa do Sur), a embaixada de Exipto en Roma, etc., ademais de en institucións galegas de Vigo, Pontevedra, Orense, A Coruña e Santiago de Compostela.
A Fundación valorou a profunda relación da pintura do artista coa Galicia tradicional, moi especialmente das paisaxes e tipos humanos de Ourense, sen renunciar ás formas contemporáneas da expresión artística, sempre na procura de novos xeitos de creación. Dalgún xeito homenaxéase tamen as paisaxes oterianas de Amoeiro, de cuxo concello Antón Pulido foi nomeado “Fillo Predilecto” no ano 2008. Anteriormente, no ano 2006, fora nomeado “Vigués distinguido” pola corporación municipal de Vigo.
A Festa Literaria de Trasaba celébrase todos os anos o derradeiro domingo do mes de xuño, arredor da festividade de San Xoán, nun acto ao que asisten entre 400 e 500 persoas procedentes de distintos puntos de Galicia. Nesta ocasión o acto estará presidido por un óleo do Patriarca das Letras que Antón Pulido donou xenerosamente no seu día á institución. Igualmente, son da súa autoría os retratos de Ramón Piñeiro e de Francisco Fernández del Riego que poden contemplarse na Consello da Cultura Galega e na Real Academia Galega respectivamente. Nos últimos tempos percorre Galicia unha ambiciosa exposición antolóxica na que se recolle unha cumprida mostra da súa producción artística.

» Mais novas da Fundación