Título: O fidalgo e outros relatos
Autor/es: Ramón Otero Pedrayo
Primeira edición: Colección Literaria, Editorial Galaxia, Vigo, 1994
Lingua: Galego
Edición actual: Colección Literaria, Editorial Galaxia, Vigo, 2001 (4ª edición reimpresión)
Ilustración de cuberta: Manuel Janeiro
ISBN: 978-84-7154-910-5
PVP: 12.70 €
Cómprao aquí en papel
Cómprao aquí en dixital
Sobre a obra
Compilación de relatos na que atopamos a un Otero Pedrayo claro e sinxelo na narración, amante do ben contar.
Os contos deste libro rachan co prexuízo da pretendida dificultade da prosa de Ramón Otero Pedrayo. Aquí temos a un narrador que emprega a anécdota, que é capaz de prender no interese do lector sen esforzo e introducilo no profundo da nosa terra e das nosas xentes.
Dixeron dela
“Os relatos publicados no volume O fidalgo e outros relatos non forman unha unidade desde o punto de vista editorial. En efecto, o volume é unha escolma de oito mostras da narrativa breve de Otero Pedrayo, separadas no tempo por un longo período de vinte e cinco anos. Os catro primeiros (“O fidalgo”, “A criada”, “Dona Xohana e don Guindo” e “Medicina legal”) viron a luz no ano 1932 (Contos do camiño e da rúa, Santiago de Compostela, Nós).
Os catro restantes (“A revolta de Casdenón”, “Co luar escornado do San Martiño”, “O estraperlista dos coiros” e “O torques”) proceden dunha colectánea publicada en 1957 que recollía un conxunto de vinte narracións breves que Otero escribiu en datas imprecisas. Sen embargo, a súa edición formando parte dun mesmo volume é pertinente e oportuna xa que pertencen ao mesmo ciclo narrativo de Otero: unha narrativa realista na que non soamente imos atopar a épica de tema fidalgo, senón tamén unha cosmovisión do mundo galego, unha verdadeira antropoloxía galega, como xa tamén apuntara o primeiro comentarista da obra Contos do camiño e da rúa en 1932, diferenciando unha clara dicotomía entre a vida aldeá e a vida vilega, trazo que caracteriza non soamente a escrita de Otero Pedrayo, senón en xeral os escritos do denominado grupo Nós”.
FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS e PILAR PONTE PATIÑO
Achegamento a “O Fidalgo e outros relatos” de Otero Pedrayo
Unidade didáctica da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega), dispoñible online no enderezo web http://ofidalgoeoutrosrelatos.blogspot.com.es/