A romeiría de Xelmírez

Primeira edición (Editorial Nós, Santiago de Compostela, 1934) depositada na Fundación Penzol e edición actual da obra

Título: A romeiría de Xelmírez
Autor/es: Ramón Otero Pedrayo
Primeira edición: Editorial Nós, Santiago de Compostela, 1934
Lingua: Galego

Edición actual: Colección Literaria, Editorial Galaxia, Vigo, 1991.
Ilustración de cuberta: –
ISBN: 978-84-7154-786-4
PVP: 19.90 €
Cómprao aquí en papel
Cómprao aquí en dixital

Sobre a obra

Novela histórica editada por primeira vez no ano 1934 baixo a atenta mirada de Ánxel Casal nas máquinas da Editorial Nós. A obra fora asinada polo escritor no ano anterior. A romeiría de Xelmírez acostuma encadrarse no ciclo de novelas culturais xunto a Arredor de si, Fra Vernero ou Devalar.

“Entre as súas novelas, a que se aproxima máis ao subxénero da novela histórica. Baseándose nas informacións fornecidas pola Historia Compostelana, narra a viaxe que o arcebispo Xelmírez fai a Roma para conseguir do Papa a ascensión de Santiago á dignidade metropolitana e arcebispal. Este feito sérvelle para recrear a época medieval, un dos tres momentos de esplendor cultural de Galiza (xunto co celta e o barroco), así como para insistir en moitos dos seus temas recorrentes. Esa especie de Camiño de Santiago que Xelmírez fai ao revés permítelle insistir de novo no discurso europeísta”.

CARME FERNÁNDEZ PÉREZ-SANJULIÁN
“Grupo Nós: Ramón Otero Pedrayo”
Historia da Literatura Galega, T. 3
Vigo: A Nosa Terra, 1996, p. 714.

 Dixeron dela

“O itinerario seguido por Diego Xelmírez ata Roma, descrito polo miúdo, é un pretexto excelente para introduci-los excursos que forman un anecdotario no que o autor fai alarde dunha erudición de medievalista abraiante, case inverosímil. En ocasións trátase de digresións que, a xeito de guía histórica, ilustran os antecedentes dunha cidade, vila, castelo ou mosteiro importantes no traxecto, outras veces recórrese á exposición dunha especie de reseñas biográficas; en ámbolos casos, recóllense adoito lendas medievais que adornaban fantasticamente a historia dun convento ou que relataban peripecias marabillosas dalgunha personaxe”.

HENRIQUE MONTEAGUDO
“Introducción”, A romaría de Xelmírez
Vigo: Editorial Galaxia, 1991, p.11

 

“Manexa Otero Pedrayo unha moitedume enorme de figuras, todas elas cheas de valor individual e caraiterístico; pol o camiño adiante, van alternando as evocaciós de cibdades e peisages diversas, olladas coma artista geógrafo, ou coma geógrafo artista, e as conversas e monólogos interiores en que se cruzan todal-as ideias e todal-as cobizas qu´abalaban as almas d´aquil tempo. Toda a Europa contemporánea de Xelmírez é tragida a conto por vía anecdótica ou por vía sintética, pra facela girar arredor da Compostela sagrada e alumadora d´un dos grandes séculos da cristiandade,a un tempo trunfante e militante”.

V.R.
“A romeiría de Xelmírez”
Nós. Boletín Mensual da cultura Galega, ano XVI
Ourense: Outubro de 1934, nº 130, p. 157