Premio Trasalba: Cristina Pato

A Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o Premio Trasalba do ano 2013 á pianista e gaiteira Cristina Pato (Ourense, 1980).
Neste Ano Grande dos Cantares gallegos, no que conmemoramos a 150 edición do libro inauguraldo noso Rexurdimento, lembramos os versos de Rosalía, precisamente aqueles que abren o libro:

Has de cantar, meniña gaiteira;
has de cantar que morro de pena…

Na festa grande de don Ramón, coa flor dos castiñeiros afirmando a primavera e a vida a reloucar polas encostas, a gaita
rexorde con azos renovados, mais non para cantar penas, abofé que non, se acaso saudades, airexiña de mocidade, e unha luz
especial nos ollos da nosa artista. Pablo Sánchez Ferro fixo a correspondente laudatio, gabando cumpridamente os seus méritos.

“Velaquí unha das nosas artistas con máis proxección internacional. Non disimulamos que esta foi unha das razóns da escolla.
Hai unha Galicia nova que estoura, chea de pulo, coma os foguetes na festa grande do patrón. ¡Necesitamos pulo, festa e foguetes! Tamén cousas que celebrar. E ocasións para poder facelo. Necesitamos saber que podemos conxugar en futuro. Hai
unha xeración nova que, sen complexos, afirma a súa primavera,que é a de todos nós, e lévaa como unha bandeira polo mundo
adiante. Galegas e galegos mozos no eido da creación, no campo da investigación científica, das artes e das letras, a tecnoloxía e o coñecemento, que igual lanzan satélites ao espazo dende a universidade que inauguran exposicións en Casabranca ou participan nun casting en Los Angeles. Esta Galicia existe; é a que soñamos. Tamén a que soñou a xeración irrepetible de Otero. Tal é a relevancia que lle queremos dar a esta XXXI edición do premio grande de Trasalba.
Hai máis: a arte da nosa homenaxeada, a significación simbólica do instrumento que representa. ¿Que sería de Galicia sen gaiteiros (agora gaiteiras)?
Dende os capiteis románicos aos salóns da nobreza máis requintada, dende as Cantigas do rei Afonso aos escenarios do Lincoln Center ou o Carnegie Hall de Nova York, dende as carballeiras de Ribadavia ás prazas de Buenos Aires, hai un aturuxo común que, coma un fío de aceiro, nos activa. Lembrade a Lorca cando ten que falar dos galegos de alén mar, na ribeira do Mar da Prata. Lembrade a alborada gaiteira de Francisco Añón, Nicomedes Pastor Díaz ou Xoán Manuel Pintos. Lembrade o príncipe de Rosalía, “de pano sedán vestido”; o afoutado roncón do de Penalta, o punteiro civil de Curros… E a saga dos Cachafeiro de Soutelo de Montes, que retratou Castelao… E o Ricardo Portela de Viascón. E os Carril. E os Seivane… E o gaiteiro de Forcarei. E o de Ventosela… Ou aquel Xohán de Boimorto que consolaba os navegantes nas calmas interminables do Mar dos Espellos…
Meniña gaiteira… Logo viñeron os Ferreirós, as Faíscas do Xiabre, Milladoiro, Carlos Núñez, Luar na Lubre, Berrogüetto, Xosé Manuel Budiño, Óscar Ibáñez.., por citar algúns. E as rapazas! Susana Seivane, Mercedes Peón, Cristina Pato… Que distinto este mundo daqueloutro dos avós, neste caso afortunadamente. Meniñas gaiteiras…! Nos seus primeiros tempos lembramos a Cristina con aquel seu lóstrego verde prendido nos cabelos, a gaita debaixo do brazo, coma quen leva o mundo canda si, e a mocidade toda aturuxando arredor. Enriba do escenario semellaba unha forza desatada: acelerador de partículas, enerxía de corcheas e semicorcheas, fusas e semifusas, vibración que nos enleva e, ao mesmo tempo, nos reconcilia, auga de manancial, cristal transparente… Seguímola vendo así. A luz pasa a través dela coma unha revelación, coma a espada dun arcanxo, nada que ver co laio e a resignación doutros tempos. Intelixencia e corazón acesos.
“Ela chorou por todos nós e para sempre…”, teimaba Luís Pimentel, intentando explicar a lección de Rosalía. Cristina Pato incorpórase á nómina excelsa dos galardoados/as co Premios Trasalba (Xoaquín Lorenzo Fernández, Isidro Parga Pondal, Antonio Fraguas Fraguas, Valentín Paz-Andrade, Ramón Martínez López, Francisco Fernández del Riego…), coa saiba nova que precisamos para lle retorcer o pescozo ao meco: intelixencia e corazón.
Intelixencia para construír dende a disciplina e o traballo, dende a esixencia e a ambición creadora, as bases necesarias para alzar, acaso recompoñer, o edificio común que nos preocupa. Galicia segue a ser o gran soño posible. Nestes tempos de angostura, que en gran medida volven ser menesterosos, a intelixencia, o estudo, o coñecemento esixente (crítico) da realidade, cadaquén dende a súa especialización, son valores de primeiro nivel que non só cómpre cultivar senón reivindicar. A épica dos novos tempos deberá substentarse sobre os alicerces do esforzo e do coñecemento. Cristina representa esa vontade de saber (e de querer), vontade de non conformarse, buscando mellorar un pouco máis en cada chanzo da esqueira. A súa biografía (o seu
currículo profesional), mesmo sendo tan nova, exemplifica este principio.
E corazón: porque sen sentimento non ten sentido nada do anterior. Sentimento da Terra, dicía Vicente Risco… Mais a Terra
son, fundamentalmente, os homes e mulleres que a habitan.
A Terra, na gaita grileira de Cristina Pato, é a xente nova que a soña e decote a fai posible co seu esforzo e coa súa lealdade, pois sabemos que somos dun tempo e dun país, dun asento e dunha patria, tamén dunha lingua, que a nosa homenaxeada leva decote nos beizos e no corazón. Sen corazón non hai pulo para que o sangue regue as cortiñas. Sen corazón (ritmo, músculo, enerxía) tampouco existiría a música.
Celebramos un ano máis o encontro feliz de Trasalba a carón da memoria do vello patriarca, Ramón Otero Pedrayo. Na Casa
Grande de Cimadevila citámonos os amigos e amigas de don Ramón (e do que a figura de Otero representa) para celebrarmos a primavera arredor dos lumes de San Xoán, que son outro canto para celebrar a vida. ¡A festa de estar vivos e de poder compartilo cos demais! Estamos seguros de que lle gustaría a don Ramón esta música de Cristina, a súa maneira de estar no mundo sen renunciar aos seus, mesmo administrando o activo da identidade que nos representa. Cada encontro de artistas que se recoñecen entre si, mesmo afirmándose nas súas distintas voces e dende maneiras distintas de enxergar a realidade (que é a esencia da cultura), constitúe un paso máis cara á grande utopía da fraternidade non excluente nin invasiva, non sectaria, máis xusta, en definitiva: quixeramos pensar que máis humana”.

» Mais novas da Fundación