Período de formación

Ramón Otero Pedrayo, 1910.

Ramón Otero Pedrayo, 1910.

Ramón Otero Pedrayo chega a Madrid para cursar estudos universitarios no mes de outubro do ano 1905. No edificio do antigo noviciado da Compañía, na rúa de San Bernardo, realizará a un tempo, as carreiras de Filosofía e Letras e Dereito. A primeira por vontade e a segunda por satisfacer á súa nai. Só neste primeiro ano académico se matriculará como alumno oficial. O pasamento de mamá Tenta en 1906, fai que a partir dese momento estude como alumno por libre. Permítelle esta condición alternar temporadas na capital con outras en Ourense ou Trasalba onde acompaña a súa nai a quen está moi unido.

En Madrid, vive comodamente instalado en céntricas pensións. Ao pouco de chegar, faise socio do Ateneo Científico, Literario e Artístico, no número 21 da rúa do Prado. O futuro escritor sempre lembrará con cariño a biblioteca desta significada institución onde investiu moitas dedicado á lectura e ao estudo. Nas dependencias do Ateneo asistiu ademais a conferencias e parladoiros que reunían ao máis selecto da intelectualidade española da época.

Os anos universitarios, son anos pracenteiros, de vida regalada e despreocupada. Cafés, concertos, faladoiros e paseos cos amigos ocupan a maior parte das horas dun mozo que a semellanza do Adrián Solovio de Arredor de si, vive entregado a unha vida diletante e desenfadada. Será precisamente nun dos cafés, o Universal, onde trabe amizade con Primitivo Rodríguez Sanjurjo, poeta e narrador ourensán, con fama de home culto e extravagante. A relación entre os dous escritores afianzarase co paso dos anos.

A comezos do verán de 1911, regresa a Ourense coas dúas carreiras rematadas disposto a preparar unhas oposicións que lle permitan converterse en profesor de ensino medio. No café Royalty desta cidade reúnese con Vicente Risco, Florentino L. Cuevillas e Primitivo R. Sanjurjo, que moi pronto marchará a Estados Unidos como profesor universitario. Otero non tarda en sumarse aos proxectos argallados polos amigos da infancia. Cando se funda o Ateneo de Ourense en 1914 os tres compañeiros apresúranse a colaborar nos labores culturais do centro, Cuevillas como bibliotecario, Risco como director da sección de Literatura e Otero como tesoureiro. Participan ademais nas actividades da Comisión Provincial de Monumentos de Orense, á fronte da cal se atopa Marcelo Macías.

Revista La CenturiaEn 1917, ve á luz un novo proxecto esta vez iniciativa exclusiva dos mozos. Referímonos a La Centuria. Revista Neosófica, considerada precedente da Revista Nós. Nela colaborarán Primitivo R. Sanjurjo, Arturo Noguerol Buján, Vicente Risco, Cuevillas e o propio Otero Pedrayo, quen asina nas páxinas de tan singular publicación os seus primeiros artigos, “La confesión del hombre culto” no segundo número e “Cartas espontáneas” no seguinte.

O 19 de febreiro de 1919, tras varios intentos, logra por fin aprobar as oposicións. En marzo dese mesmo ano toma posesión no seu primeiro destino, o instituto de Burgos. Poucos meses despois, xa en verán, logra permutar a praza de Burgos por outra en Santander onde permanecerá até que logra destino definitivo en Ourense. O primeiro de outono de 1921, convértese no catedrático de Xeografía e Historia do centro onde cursara os estudos sendo neno.

Un pouco antes, o 30 de outubro de 1920, saía á rúa o primeiro número da Revista Nós, chamada a ser o órgano cultural máis poderoso da literatura galega anterior á Guerra Civil. Teremos que agardar até decembro do ano seguinte, 1921, para ler o primeiro artigo de Otero Pedrayo en tan senlleira publicación. Trátase do texto titulado “Irlanda política no século XIX”.

Ramón Otero Pedrayo e Josefina Núñez Bustamante, 1923.

Ramón Otero Pedrayo e Josefina Núñez Bustamante, 1923.

O 6 de agosto de 1923 Ramón Otero Pedrayo contrae matrimonio con Josefina Nuñez Bustamante na igrexa da aldea natal dela, no pequeno lugar de San Vicente de Toranzo, no val do Pas. Na viaxe de vodas a parella visita París, Bruxas, Bruxelas e Gante. Un percorrido que garda algunhas semellanzas co realizado na ficción literaria por un Adrián Solovio que percorre Europa á procura de si mesmo.

Os que seguen son anos de enfebrecido traballo. Otero Pedrayo, home de recoñecida e sólida formación, colle nesta época as rendas da reivindicación cultural e política e multiplica as súas actividades a prol da cultura e a lingua galega. En xaneiro de 1925 ingresa no Seminario de Estudos Galegos, institución creada por un grupo de mozos galeguistas en 1923 coa vontade de estudar e divulgar o noso patrimonio cultural. Faino coa lectura dun traballo titulado Síntesis xeográfica de Galicia (1926).

Portada de «Pantelas Home Libre», Ramón Otero Pedrayo, 1925.En 1924, con 36 anos, gaña o premio convocado polo Seminario de Estudos Galegos con motivo da Festa da Lingua Galega con Pantelas, home libre, noveliña curta publicada pola editorial Lar ao ano seguinte. Comeza así a longa e produtiva andaina literaria de quen había ser chamado patriarca das letras galegas. Cinco anos despois, o 9 de decembro de 1929 ingresa na Real Academia Galega a proposta de Marcelo Macías, Jose Vega Blanco e Eladio Rodríguez. Nesta ocasión, le un discurso titulado Romantismo, saudade e sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal (1931), contestado por Vicente Risco.

O 19 de maio de 1936, pouco antes do triúnfo electoral do 28 de xuño, Otero Pedrayo le na facultade de Filosofía e Letras de Madrid a súa tese de doutoramento. O traballo titulado Los orígenes de la Galicia moderna, mereceu a cualificación de Sobresaliente.