Os últimos anos

Xubilado como profesor universitario, Ramón Otero Pedrayo divide o seu tempo entre a casa natal e a aldea de Trasalba. Son anos de intensa actividade para o escritor que sempre disposto a traballar a prol da lingua e da cultura galega que sinte renacer, acode a todo canto curso ou conferencia se lle convida, redacta xenerosos prólogos, le pregóns, participa en actos públicos e escribe centos de desinteresados artigos e colaboracións xornalísticas. Consciente da transcendencia pública da súa persoa e esperanzado ante a actividade galeguista dos máis mozos, Pedrayo traballa con renovado entusiasmo por Galicia e os galegos.

Un grupo de galeguistas durante unha homenaxe a Ánxel Fole

Un grupo de galeguistas durante unha homenaxe a Ánxel Fole. De esquerda a dereita: Xosé María Álvarez Blázquez, Ramón Piñeiro, Álvaro Cunqueiro, Domingo García-Sabell, Ánxel Fole, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo”. Ano: ca. 1960.

O escritor, viaxa asiduamente a Santiago de Compostela para reunirse co numeroso círculo de amigos e mozos que visitan a casa do médico García-Sabell na Rosaleda, desde onde se xestiona nestes anos parte importante da actividade cultural da intelectualidade galega que estaba chamada a protagonizar o rexurdir das nosas letras tras a longa posguerra.

En 1959 Otero Pedrayo remata na súa casa de Trasalba O señorito da Reboraina, que se editaría no ano seguinte, converténdose na primeira novela en galego publicada polo escritor tras a Guerra Civil e na última que entregaría ás máquinas en vida. O texto recrea con humor e imaxinación a vida de don Juan Manuel Pereira, o fidalgo de Reboreda.

As homenaxes e o recoñecemento sucédense a partir dos anos sesenta. En abril de 1962 o xurado acorda concederlle as 300.000 pesetas coas que estaba dotado o prestixioso Premio Galicia da Fundación March, ao que tamén aspiraba Vicente Risco. Ao ano seguinte Otero Pedrayo recibe ilusionado o primeiro galardón da Deputación Provincial de Ourense polo enciclopédico traballo El padre Feijoo. Su vida, doctrinas e influencias, dentro dos actos de conmemoración do centenario do frade ilustrado.

En 1966 ve a luz na editorial Galaxia O espello no serán. Entre o Pedroso e o Viso, colectánea de textos e reflexións que recolle a particular visión do escritor sobre a cidade de Santiago de Compostela. Nestes mesmos anos redacta en castelán unha voluminosa Historia da arte universal, que asinará co pseudónimo Cerro de los Llanos, tradución ao castelán dun Otero dos Chaos, que de novo dá conta do espírito e personalidade de quen asina.

“Intervención de Ramón Otero Pedrayo durante a celebración das súas vodas de ouro”

“Intervención de Ramón Otero Pedrayo durante a celebración das súas vodas de ouro”. Ano: 1973.

O 4 de agosto de 1973, no hotel San Martín de Ourense, un grupo de amigos organiza unha nova homenaxe ao escritor, nesta ocasión con motivo das vodas de ouro do matrimonio Otero Bustamante. Por expreso desexo de don Ramón, os convites fixéronse en galego. Pouco tempo despois, o 8 de abril de 1975 falece Fita. O pasamento da que fora a súa compañeira durante 52 anos, apesadumbra ao escritor quen ve no suceso un anuncio do seu propio final.

O 12 de decembro de 1975 nun acto celebrado no Paraninfo do instituto ourensán onde traballara como profesor, recibe a calorosa homenaxe dos seus antigos alumnos que o agasallan coa edición de Teatro de Máscaras, unha colección de dezaseis pezas dramáticas breves asinadas en 1934, nas frecuentes viaxes en tren que o escritor facía a Madrid en compañía de Castelao, para asistir ás Cortes. De feito algunhas das obras foron escritas aproveitando o reverso dos discursos parlamentarios.

Filgueira Valverde afirmaba ter atopado os manuscritos entre os papeis de Castelao que se custodian no Museo de Pontevedra. Don Ramón di non lembrar nin gardar copia das obras que cualifica como “borranchos de comediolas” que divertían moito a Castelao nas “cansas seráns de presupostos nas Constituíntes”. Segundo deixou dito o propio Pedrayo, xurdiron a instancias do rianxeiro, quen fascinado polas innovacións teatrais da Europa da época procuraba unha renovación total do teatro galego emulando o teatro ruso que tivera a oportunidade de coñecer en París.

“O interior da catedral de Ourense no funeral tras a morte de Ramón Otero Pedrayo”

“O interior da catedral de Ourense no funeral tras a morte de Ramón Otero Pedrayo”. Ano: 1976.

O 10 de abril de 1976, cando o reloxo da catedral ourensán daba ás oito da mañá, o escritor falecía na súa casa da rúa da Paz. O multitudinario funeral, celebrado dous días despois, reuniu a boa parte da intelectualidade galega e a moitas persoas expresamente chegadas de toda Galicia para honrar a quen con xustiza se ten dado en chamar Patriarca das letras galegas. Vestido co hábito franciscano e envolto na bandeira galega tal e como era o seu desexo, o seu corpo descansa no cemiterio de San Francisco, xunto aos de súa nai e súa esposa. Na discreta lousa que cobre os seus restos pódese ler: “Acouga no amor dos galegos e na paz de Deus”.

“Cortexo fúnebre de Ramón Otero Pedrayo”

“Cortexo fúnebre de Ramón Otero Pedrayo”. Ano: 1976.