A Casa Grande de Cimadevila

A Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo, residencia habitual do escritor, encóntrase no lugar de Cima de Vila, en Amoeiro, parroquia de Trasalba, ao noroeste da provincia de Ourense.

As vizosas terras de Trasalba e os contactos humanos que alí se desenvolveron fan que Otero descubra moi cedo nestes lugares as esencias da cultura tradicional, a lingua, a paisaxe, os tipos humanos, algunhas marcas fundamentais do ser colectivo dos galegos. A casa de Trasalba e a súa contorna permítennos entender mellor a obra e o pensamento oteriáns.

A Casa Grande de Cimadevila é un dos grandes espazos simbólicos da cultura galega contemporánea. Por este lugar pasaron, moi especialmente en vida do escritor, multitude de amigos e irmáns na conciencia galeguista que ían escoitar a palabra xenerosa de don Ramón, angueiras e proxectos compartidos. Hoxe segue a ser un lugar de obrigada referencia

Nestas dependencias custódianse parte dos obxectos persoais de Otero Pedrayo, así coma o contorno no que se desenvolveu a vida do escritor, procurando conservalo tal como era orixinariamente: estancias interiores, xardín romántico e propiedades adxuntas. Mais con algunhas modificacións, na procura dunha mellor atención e servizo aos visitantes. En sucesivas reformas construise un auditorio, salas de exposicións, recepción, biblioteca e unha librería.

Consérvase na casa de Trasalba a biblioteca persoal de Otero Pedrayo, complementada con algunhas doazóns posteriores, así como mobles, fotografías e pinturas que o acompañaron en vida.
Salienta de xeito especial o Mapa de Galicia elaborado por Domingo Fontán (1788-1866) ao que Otero deu sempre unha significación especial na súa obra e na súa biografía.
Outros obxectos personais, manuscritos e materiais diversos que poden ser de interese para os investigadores, están depositados na Fundación Penzol (Vigo), creada no ano 1963 no ámbito da Editorial Galaxia como depositaria de parte importante da historia do galeguismo e da cultura galega contemporánea.

O salón de actos, construido 1993-94 nas vellas adegas, acolle as actividades públicas da Fundación e da Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, e está permanentemente aberto para realizar congresos e xuntanzas de carácter cultural ou científico.