Editorial Galaxia

O 25 de xullo de 1950 celebrouse no bodegón do Hotel Compostela, en Santiago, a Asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras, e coa presenza de personalidades senlleiras do galeguismo, como Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista configurábase daquela o núcleo principal da resistencia cultural e política do galeguismo, obrigado á clandestinidade e ao exilio despois da Guerra Civil. Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro foron as tres personalidades que desde o primeiro momento orientaron a editorial, comprometida coa recuperación da lingua e da cultura galega, nos tempos difíciles da Ditadura.

Asamblea fundacional da Editorial Galaxia nos baixos do hotel Compostela. Santiago, 25 de Xullo de 1950.

Asamblea fundacional da Editorial Galaxia nos baixos do hotel Compostela. Santiago, 25 de Xullo de 1950.

Entre os anos 1939 e 1950 apenas se publican libros en Galicia, moito menos en idioma galego. A edición, igual que a resistencia política e cultural, desenvólvese neste período principalmente en América (México, Uruguai, Arxentina), arredor de figuras como Castelao, Manuel Puente, Arturo Cuadrado ou Luís Seoane, auténticos motores da produción editorial no exilio. En 1949 publícase en Pontevedra a colección de poesía Benito Soto, promovida por Sabino Torres, Cuña Novás, Álvarez Negreira e Celso Emilio Ferreiro. Polas mesmas datas saen os primeiros títulos de Bibliófilos Gallegos, e mais a Editorial Monterrey, da man de Luís Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, orientada maiormente cara á edición de bibliofilia. O proxecto Galaxia consolidarase, entre todas elas, coma o máis estable e o de máis continuidade, referencia obrigada do rexurdimento da actividade intelectual na Galicia interior.

Xuntanza do consello de administración da Editorial Galaxia (contra 1960) presidido por Ramón Otero Pedrayo.

Xuntanza do consello de administración da Editorial Galaxia (contra 1960) presidido por Ramón Otero Pedrayo. Entre outros asisten á reunión: Francisco Fernández del Riego, Agustín Sixto Seco, Domingo García-Sabell, Ramiro Isla Couto, Fermín Penzol, Luís Viñas Cortegoso, Emilio Álvarez Blazquez, Manuel Gómez Román, Sebastián Martinez Risco e Xesús Ferro Couselo.

O libro dos amigos, 1953.

O libro dos amigos, 1953.

Ramón Otero Pedrayo, profesor universitario en Compostela, traballa nestes anos con ilusión e entusiasmo na recuperación cultural de Galicia. En contacto directo co círculo de intelectuais que alentan a editorial, publica nas súas máquinas Por os vieiros da saudade. Lembranzas e crónica de un viaxe a Buenos Aires, aparecida no ano 1952. Ademais, un traballo seu, “Na lembranza de Hölderlin”, forma parte de Presencia de Galicia, o primeiro número dos Cadernos da Colección Grial proxectados nun inicio por Galaxia como volumes temáticos, que habían ser o antecedente directo do que a partir do ano 1963 se chamaría Grial. Revista Galega de Cultura, publicación que ten chegado até os nosos días.

Son anos fecundos nos que o escritor asina gran cantidade de traballos. Entre eles paga a pena salientar O libro dos amigos (1953), unha orixinal colección de delicados bocexos biográficos de amigos e compañeiros falecidos.

Pedrayo entregado a unha actividade intensa e diversa, representa nestes anos a resistencia do galeguismo histórico. Moitos son os estudantes que se reúnen cada tarde con el no Café Español da compostelá rúa do Vilar para escoitar as súas disertacións. Algúns destes mozos conseguirán o que non lograran antes estudosos e amigos do escritor, a publicación dun libro de poemas. En 1958, o grupo Brais Pinto inaugura a súa colección de versos co libriño Bocarribeira. Poemas pra ler e queimar, único poemario editado en vida polo autor que sempre se mostrou remiso a dar a coñecer os seus versos.

Os Brais Pinto con Otero Pedrayo e Ben-Cho-Shey.

Os Brais Pinto con Otero Pedrayo e Ben-Cho-Shey.

Dous pasamentos escurecen a vida feliz do escritor nestes anos. O primeiro, o de Castelao en xaneiro de 1950, o segundo o de Eladia Pedrayo, súa nai, falecida o 4 de febreiro de 1957 cando estaba a piques de cumprir os 98 anos.

O 5 de marzo de 1958, o día que cumpre 70 anos, Ramón Otero Pedrayo pronuncia a súa última conferencia como profesor universitario. A xubilación forzosa do intelectual reuniu no Paraninfo universitario a centos de persoas chegadas de toda Galicia para escoitar a última lección do mestre. Don Ramón diríxese en galego, segundo aclara porque llo pedira unha estudante, a un público expectante e entregado. A disertación, titulada “Unha visión xeral de Galicia” converteuse nun acto multitudinario de apoio e afecto ao escritor.

Homenaxe en Ourense a Ramón Otero Pedrayo, 1965.

Homenaxe en Ourense a Ramón Otero Pedrayo, 1965.

O 8 de xullo dese ano un nutrido grupo de intelectuais galegos viaxa a Trasalba para facerlle entrega ao escritor do libro Homaxe a Ramón Otero Pedrayo no LXX aniversario do seu nacemento, unha nova mostra de afecto que conmove fondamente ao literato. Ese mesmo ano impréntase en Caracas outro volume homenaxe titulado Ramón Otero Pedrayo. A súa vida e a súa obra.

Coa xubilación e o regreso á Ourense pechábase unha etapa de vehemente actividade. Nos anos que pasou en Compostela como profesor universitario, Ramón Otero Pedrayo deu conferencias por toda Galicia, asinou ducias artigos e prólogos de libros, participou activamente da renovación da Real Academia Galega, coordinou a redacción dos tres tomos da Historia de Galiza e traballou en proxectos propios. De entre estes últimos cómpre destacar a peza teatral titulada O desengano do Prioiro (1952) e a colección de contos reunidos en Entre a vendima e a castañeira (1957).