Carta de Castelao. Xullo de 1935

Contexto

Un traslado administrativo forzoso mantivo a Castelao desterrado en Badaxoz. Durante a súa estadía en Estremadura escribiu Verbas de chumbo, catorce artigos que verían a luz n´A Nosa Terra. O desterro rematou o 6 de setembro de 1935, grazas ás xestións de Manuel Portela Valladares, Ministro da Gobernación. Castelao e Bóveda, que estivera confinado en Cádiz, son repostos nos seus destinos en Pontevedra.

Transcrición

CUERPO NACIONAL DE ESTADISTICA
PARTICULAR

Sr. Dn. Ramón Otero Pedrayo

Meu querido irmán: As túas cartas danme aire e azos e non tés idea de cómo chas agradezo. Cada día estou máis ademirado da túa bondade e creo que a túa posición de sagrificio terá recompensa. Con todo non somentes o teu sagrificio senón tamén o meu (pois eu acompáñote ainda que finxa outra cousa) terá de ser meirande; pero Galiza sairá favorecida. Xa vés que as posicións de pureza en que se podía un colocar son egoistas no fondo e ineficaces. ¡Qué lle imos facer! Herdamos unha terra tan probe de esprito e cunha realidade tan emporcada que non hai máis remedio que emporcarse. Algún día chegará, se Deus nos der vida, en que poidamos lavarnos. Eiqui medito moito e vexo que sería unha cobardía non chegar até o final.

O manifesto filgueirista encheume de carraxe porque sei o que pretende e a onde quer chegar; pero xa pasou e non dubido que a estas horas estarán arrepentidos. Para darse un conta do que son as dereitas hespañolas, e pol-o tanto da imposibilidade de que un galeguista poida cangar con semellante alcume, é preciso vivir perto dos señoritos estremeños ou andaluces. Hai que velos abusar da fame e hai que ver como cometen toda caste de inhumanidades. A un rapaz de 26 anos (diputado socialista dos moderados) asesinárono e se non é certo pol-o menos prepararon a defensa do asesino. ¡Podía contarche tantas cousas! Non; non se pode ser de dereitas ainda que a cousa non se vexa máis que baixo o aspecto relixioso.

Estremadura é un país fondamente triste, miserable, pedichón, gorrista. Os probes dan medo. Non podes sentarte con acougo na porta dun café; porque a miseria non te deixa beber nen comer. Os mesmos cans de Badaxoz son miserables. Cada día que pasa estou máis desesperado. E logo a calor abafante que impide respirar. Bo inferno é este.

A Virxinia apareceulle un derrame na conxuntiva e por este aviso providencial soupen que tiña hipertensión arterial. Esto prodúxome unha intranquilidade e un disgusto enorme, porque o tratamento e o réxime a que debe someterse é moi duro. Afortunadamente xa lle baixou a tensión a 17 ½ e xa podemos acougar un pouco. Creo que se ten pacencia para resistir o réxime ainda baixará moito máis; pero xa non poderá facer a vida de antes. Unha das cousas que máis influen nos hipertensos son os disgustos. Esto obligame a trocar un pouco de vida e como en Pontevedra seguiriamos facendo a vida triste e illada de sempre decidín mudar de residencia cando poida voltar a Galiza.

Creo que poderemos marcharnos o día 15 para pasar un mes de vacacións e dispois pedirei outro por enfermedade a fin de non voltar eiqui deica o 15 de setembro. Levantaremos a casa e deixaremos todo embalado para trasladar os mobles a onde sexa. A casa lévanos un diñeiro que xa non podemos malgastar, pois para máis estes presupostos botaron abaixo o meu derradeiro ascenso e volvo a quedar nas 7000 pts. de antes. Agora ben; eu quero ir a Ourense ou Lugo, pois alí faríamos unha vida máis leda; iría con Virxinia ô cine, ós cafés. Dame pena perder a auxiliaría de Dibuxo, que me valía 3000 pts. ¿Poderei eu chegar a ser axiña auxiliar nese Instituto? Dime canto tempo lle falla ô auxiliar de ali para ser xubilado.

Non sei cando nin como poderei voltar a Galiza definitivamente pois xa vés que non é posible facelo en esta situación sen cometer unha indinidade. Portela faise o parvo e ningún outro pode ter más obliga moral de sacarme deiquí.

Eu non fun a Madrid; pero sei o que alí pasou. Nós non podemos dubidar de que somentes nunha situación en que Azaña sexa o amo poderemos conquerir o que arelamos. Eu non nego que sinto por este home un moito de ademiración, pois aínda que estea arredado por unha boa parte de ideas, é formal nos seus tratos, é comprensivo pra os nosos problemas e, pol-o menos, leal na sua posición. Falaron con este home e amostrouse enteramente conforme coas nosas condicións e fixo toda caste de promesas. Non hai, pois, máis remedio que seguir adiante.

Lin o libro de Garcia Paz, que me gustou moito ainda que resulta escesivamente libre no lingoaxe. De todos xeitos é un bó libro e xa temos un máis. O que me indinou foi o prólogo.

A ver se nos vemos axiña.

Seguimos lembrándonos moito de vós e diariamente e a miudo pronunciamos os vosos nomes. Virxinia sigue, coma sempre, enamorada de Fita e lembrándose moito de túa nai.

Bueno, Ramón. No sei se nesta carta atoparás algo que non sexa do teu agrado; pero xa sabes que eu non tomo as determiñacións senón que as obedezo cando vexo que se toman por necesidade.

Lembranzas a todos e os meus garimosos saudos a Fita e Doña Eladia.

Unha forte aperta de teu irmán

Castelao
Badaxoz, 6-VII-1935