Asociación de Amigos de Otero Pedrayo

Tralo pasamento de don Ramón no ano 1976, créase a Asociación de Amigos de Otero Pedrayo, con sede social na súa Casa-Museo de Cima de Vila. Foi o seu primeiro presidente Xosé Luis Vázquez Sotelo, catedrático de dereito na Universidade de Barcelona, que dirixiu a Asociación ata o ano 1995.

A Asociación asume, por regulación dos seus propios Estatutos, os fins da Fundación Otero Pedrayo, e está representa na mesma polo presidente.

En 1995, o entusiasmo do Dr. Sixto Seco pola Asociación levouno a unha renovación completa da súa directiva, sendo elixido daquela como presidente Xosé Eduardo López Pereira, catedrático de latín da Universidade da Coruña. Modificáronse entón os Estatutos e constituíuse un novo equipo directivo formado por Pedro Gómez Antón (vicepresidente), Augusto Pérez Alberti (secretario), Xosé Luis Saco Cid (tesoureiro) e Enrique Bande Rodríguez e Francisco Puy Muñoz(vocais). Dous anos mais tarde, en 1997, pasou a ocupar o posto de secretario, Luis Rodríguez Ennes.

A asociación creou nesas datas o premio “Amigos de Otero Pedrayo” para estudantes de Ensino Medio, coa idea de que a figura de don Ramón non sexa esquecida polas novas xeracións, premio que estivo vixente ata o ano 2001, e mais o premio ”Artesán distinguido do Concello de Amoeiro”, que tivo tres convocatorias.

Cando Eduardo López Pereira pasa a ocupar o cargo de presidente da Fundación Otero Pedrayo, faise necesaria a renovación do equipo directivo para dar un novo impulso. Así, o 27 de xullo de 2022, celébrase unha Asamblea Xeral da Asociación na Casa Museo Otero Pedrayo, en Trasalba, na que se elixiu unha nova xunta directiva, encabezada por Xosé López García, como presidente, a quen acompañan María José Bravo Bosch (vicepresidenta), Juan Maceiras Formosel (secretario), Xosé Ramón Pousa Estévez (tesoureiro), e como vogais Eva Torres, Miguel Anxo Fernández e Xesús Manuel García Díaz.