A posguerra

O 21 de agosto de 1937, un ano despois do inicio da Guerra Civil, unha orde ditada polo poder franquista acabado de instaurar, obriga a Ramón Otero Pedrayo a cesar como profesor de instituto. Durante algo máis de once anos, até o 8 de novembro de 1948, permanecerá privado do dereito de impartir aulas. Nos anos inmediatamente anteriores ao 48, nun arrebato de dignidade e coherencia, negarase pese as continuas peticións gobernamentais, a solicitar formalmente o reingreso no corpo de profesores. Afirmaba teimudamente que nunca pedira que lle quitaran o traballo e que non pensaba pedir que llo devolvesen.

Otero e Eladia, ao redor de 1940.

Otero e Eladia, ao redor de 1940.

Os anos que estivo apartado do ensino foron economicamente difíciles para a familia que sobrevivirá grazas aos beneficios que xeran as terras de Trasalba e á venda de parte importante do patrimonio. A dura situación da época impide ademais que o escritor continúe escribindo en lingua galega. Faino en castelán e asinando con pseudónimo para non usar o seu verdadeiro nome en textos redactados sen liberdade, nunha lingua que considera imposta. Luís de Alba, Santiago Amaral, Luís Peñanofre ou Juan Gallego convértense nas firmas habituais nesta época. Misión, La Región, Posío e Santo e Seña serán algunhas das publicacións que recollan estes traballos.

Vida del Doctor Don Marcelo Macias y Garcia.

Vida del Doctor Don Marcelo Macias y Garcia.

O traballo creativo tampouco se detén e inda que a lingua debe ser necesariamente a castelá, o tema das obras redactadas neste tempo será invariablemente galego. En 1941 ve a luz en Buenos Aires Las palmas del convento, despois aparecerán Vida del doctor don Marcelo Macías y García e a Guía de Santiago de Compostela. En 1950, La vocación de Adrián Silva e os traballos sobre Juan Manuel Bedoya e Las ciudades gallegas.

Don Ramón que pasa longas temporadas entre o piso da rúa da Paz en Ourense e a casa familiar de Trasalba, vive discretamente retirado e envolto nun silencio imposto que lle impide calquera manifestación publica, situación que debeu provocarlle moita tristeza e frustración. Son momentos especialmente complicados aqueles nos que recibe noticias de amigos cruelmente asasinados, mortos na fronte, na cadea ou expatriados. O escritor pasa os días concentrado no estudo, na lectura e na escritura.

Portada de «La noche».

Portada de «La noche».

A partir do ano 1946 comeza timidamente a asinar textos xornalísticos co seu verdadeiro nome. Un ano despois comeza a redactar os artigos de Parladoiro, unha sección periódica no xornal compostelán La Noche que supón a recuperación lenta e regular do escritor en lingua galega.

En xullo de 1947 Pedrayo e a súa dona viaxan a Buenos Aires, convidados polo Centro Galego para participar na celebración do Día de Galicia. A viaxe, produtiva e feliz, permitiralle reencontrarse con vellos amigos exiliados, Castelao entre eles, e organizar a edición dos tres volumes da Historia de Galiza, patrocinada por Manuel Puente. A Historia de Galiza hase converter nun ambicioso proxecto cultural que había reunir boa parte dos esforzos dos intelectuais comprometidos co país naquela altura. Ademais, froito desta primeira experiencia americana verá a luz a obra Por os vieiros da saudade. Lembranzas e crónica de un viaxe a Buenos Aires, editada en 1952

Castelao e Ramón Otero Pedrayo, 1947.

Castelao e Ramón Otero Pedrayo, 1947.

Unha mostra máis da dignidade e compromiso do escritor témola en 1949, cando nunha homenaxe ao poeta Valentín Lamas Carvajal, organizada polo Concello de Ourense, ten a ousadía de utilizar o galego nun acto público. Na tarde do 11 de novembro, no xardín do Posío, asiste a un acto organizado polas autoridades locais que van inaugurar un busto do poeta obra do escultor Antón Failde Gago. Están presentes o gobernador civil e representantes doutras institucións afectas ao réxime que interpretan a actitude oteriana como unha afronta e unha aldraxe. Pedrayo que levaba un ano escaso ocupando de novo a súa praza no instituto ourensán, non soubo ou non quixo ver a situación delicada en que o colocaba o seu comportamento.

A piques de cumprir os 62 anos, en abril de 1950, preséntase ilusionado ás oposicións que o habían converter en profesor de Xeografía e Historia na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela. Tras obter o voto unánime do tribunal opositor, o 17 de outubro dese ano, ás 10 da maña imparte, na aula número 1 da facultade compostelá, a primeira clase das moitas que dará nos oito anos que exerceu como catedrático universitario. Instalado coa súa dona no Hotel España, na rúa Nova, inicia esta nova andaina profesional, á que con frecuencia se referirá como os anos máis felices da súa vida.

A docencia, o respaldo dos amigos, os novos pulos que toma a nosa cultura despois de tantos anos adormecida e a compaña e o esforzo dun círculo de mozos universitarios animan a vida do mestre ourensán. Foi esta unha época intensa e literariamente fecunda. Parte importante dos escritos elaborados neste tempo permanecen hoxe inéditos.